O estudo sobre o iougur e o kéfir, a mochila ergonómica e a análise das areas da praia de Lagos gañan os Premios da Galiciencia 2009
Un estudo sobre o iogur e o kéfir realizado por estudantes vascos, unha mochila ergonómica deseñada por alumnos ourensáns e unha análise científica dos distintos tipos de areas que se atopan nunha pintoresca praia de Bueu (Pontevedra) elaborada por estudantes viguesas foron os gañadores dos premios da Galiciencia 2009, que quedou clausurada a primeira hora da tarde na Tecnópole –Parque Tecnolóxico de Galicia-, en Ourense.
O acto de entrega dos galardóns, ao que asistiron os 104 expositores da mostra, estivo presidido polo director xeral de I+D+I da Xunta de Galicia, Ricardo Capilla, que destacou o aumento do número de proxectos galegos sobre anteriores edicións e agradeceulle o esforzo aos estudantes que viñeron de fóra de Galicia. Capilla animou a todos os participantes a avanzar na súa faceta científica e innovadora e resaltou a necesidade de que as novas xeracións se mentalicen “da importancia da I+D+I, sobre todo da investigación aplicada, na vida cotiá”.
Os premios, entregados en tres categorías -1º ciclo da ESO, 2º ciclo da ESO e Bacharelato/FP-, foron elixidos por un xurado experto entre os 15 proxectos da provincia de Pontevedra, os 15 de Ourense, os 9 da Coruña, os 4 de Lugo, os 6 de Barcelona e un de Guipúzkoa. Todos eles estiveron expostos durante os últimos tres días no recinto da Tecnópole grazas ao patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria.
Os vascos, gañadores absolutos
Os estudantes do proxecto ‘Análise do iogur e do kéfir’, ademais de impoñerse na categoría Bacharelato/FP, foron os gañadores absolutos por obter a maior puntuación, polo que viaxarán con todos os gastos pagos a Barcelona para participar na vindeira edición da Exporeçerca, a feira científica análoga a Galiciencia en Cataluña.
Endika Arquero Ugarte e María Mediavilla Iglesias, de la Anunciata Ikastetxea, un centro de Guipúzkoa, estudaron o iogur e o kéfir para saber ata que punto son realmente beneficiosos os alimentos probióticos. “As análises fisicoquímicas e microbiolóxicas que realizamos demostraron que efectivamente os produtos lácteos que prometen beneficios para a flora intestinal están enriquecidos cos microorganismos que así o fan posible”, explica Endika.
Ademais, averiguaron que o kéfir (bebida láctea fermentada que ten a súa orixe no Cáucaso e que non se produce a nivel industrial, senón que é un produto caseiro) “ten efectos laxantes se se deixa fermentar 24 horas e astrinxente se a fermentación se estende ata as 48 horas”, expón María.
Das súas análises comparativas entre distintas marcas de iogures lograron identificar, a través dun método científico calificado polo xurado como “impecable”, as que teñen menos graxas e azúcares e maior valor enerxético.
A mochila ergonómica, de Ourense a Bruxelas
Os estudantes ourensáns gañadores na categoría do 2º ciclo da ESO, Álex García Tellado, Antonio Cañizo Outeiriño e Juan Mata Naranjo, traían xa un premio da Exporeçerca 2008 que os levará a Bruxelas en abril de 2010 para competir coa súa mochila ergonómica na Exposciences, a maior feira científica europea para estudantes.
Estes alumnos do Colexio Guillelme Brown tiveron a súa idea “logo dun adestramento de fútbol, agobiados polo peso que temos que soportar nas costas”, segundo relata Juan. A súa mochila ergonómica leva uns contrapesos que distribúen o peso por todo o lombo, está acolchada na parte posterior e nas asas e, nestas últimas, leva uns dispositivos de apertura para que a mochila se poida sacar sen facer esforzos nin malas posturas. Ademais, conta con reguladores para adaptarse á altura dos usuarios.
O seu prototipo foi probado ducias de veces durante os tres días que durou a Galiciencia “e todo o mundo dicía que lle resulta moito máis cómoda cá súa do cole”, explica o estudante de 3º da ESO.
As científicas máis novas
O premio ao mellor proxecto do 1º ciclo da ESO gañárono as científicas máis novas da Galiciencia, de 1º curso da ESO. Laura López Goicoa e Covadonga López Pérez, do Colexio Alborada de Vigo, fixeron un exhaustivo estudo comparativo das diferentes areas da praia de Lagos (Bueu), famosa por contar con tres zonas ben diferenciadas polo distinto tipo de area.
“Dividimos cada unha destas tres zonas noutras tres áreas e recollemos mostras para caracterizar a area por tamaño e outras variables”, explica Covadonga. O seu traballo plasmouse nunha elaborada maqueta a escala da praia na que se colocaron os distintos tipos de area tal e como están en Lagos.
“A análise das diferencias entre os tipos de area permitiunos comprobar que a erosión, a existencia cercana de rochas que exercen un efecto protector e a orientación –máis fina cara ó suroeste e máis grosa cara ó noreste- son os factores determinantes”, expón esta alumna viguesa, que coa súa compañeira Laura, combinou o traballo de campo na praia coas análises no laboratorio.
Ata o ano que vén
A maior feira científica de Galicia, ‘Galiciencia’, clausurou así a súa cuarta edición, na que alcanzou por primeira vez o medio cento de proxectos de innovación e traballos científicos defendidos por estudantes.
Xunto coa exposición de proxectos, que respostou aos obxectivos do Ano Europeo da Innovación e da Creatividade, quedaron clausuradas tamén as actividades paralelas deseñadas para conmemorar o Ano Internacional da Astronomía e o Ano Darwin.
Centos de estudantes de Primaria pasaron durante estes tres días polo planetario móbil instalado na Tecnópole para achegarlles por primeira vez os segredos das estrelas. En conmemoración do Ano Darwin celebráronse oito obradoiros sobre a evolución, nos que se lles explicaron aos rapaces as teorías de Charles Darwin.
Ademais, celebrouse un obradoiro baixo o título ‘O futuro é hoxe’, no que se lles achegaron aos visitantes os últimos avances da tecnoloxía que máis influirán na nosa vida cotiá nun futuro inmediato.
Todos os visitantes da Galiciencia tiveron ocasión tamén de asistir ás sesións de ciencia divertida impartidas polo divulgador Adolf Cortel, que repetiu éxito por terceiro ano consecutivo.
Todas as fotos en http://www.flickr.com/photos/tecnopole/sets/72157622873408416/detail/.
Inventos que melloran a vida cotiá, proxectos de enxeñería e investigacións científicas compiten na ‘Galiciencia 2009’
Medio cento de equipos de estudantes chegados das catro provincias galegas, de Barcelona e de Guipúzcoa dirixen desde hoxe os seus propios stands na feira científica máis grande que se celebra en Galicia, a ‘Galiciencia’. Ata o venres defenderán os seus proxectos de I+D+i diante dos máis de dous mil visitantes que pasarán polo Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole-, en Ourense, ata o vindeiro venres.
Os inventos que melloran a vida cotiá, os proxectos de enxeñería e as investigacións científicas son os traballos protagonistas desta mostra, coa que se clausuran as actividades da Semana da Ciencia en Galicia baixo o patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria. O día 27 un xurado experto elixirá os mellores en tres categorías por idades.
En total, trátase de 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 da Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúzkoa.
Entre os enxeños deseñados para mellorar a vida cotiá están un protector para xeados que evita que nos manchemos, presentado por alumnas da localidade ourensá de San Cristovo de Cea; e un modelo de roda para automóbil con dobre cámara e reflectantes que estudantes do IES Xoán Montes de Lugo deseñaron para circular máis seguros en mollado. Nesta liña está tamén un enxizador para tacos de billar que conta cun motor con redución de velocidade, ademais cun caxetín para recoller o pó que se desprende, deseñado por un alumno do IES Val do Tea, de Ponteareas (Pontevedra). Na ‘Galiciencia’ tamén se pode probar unha mochila ergonómica para evitar sobrecargas nas costas ideada por un equipo do Colexio Guillelme Brown de Ourense formado por estudantes “fartos de sufrir polo peso dos libros todos os días”.
Os estudantes están a demostrar tamén que serán enxeñeiros moi competitivos no futuro. Dous equipos do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela (A Coruña) destacan en enxeñería informática con un conxunto de sensores que, funcionando de forma coordinada, permiten o control de sistemas informáticos mediante movementos do corpo (o Handtracking v2.0) e un sistema operativo para ordenador que permite utilizar os programas sen necesidade de instalalos. Mentres, estudantes de Nigrán (Pontevedra), atoparon a maneira de adestrar a un equipo de microrrobots para xogar ao fútbol, bailar e sortear un labirinto.
Das enerxías limpas ás lentellas que medran con Beethoven
As enerxías renovables e as innovacións relacionadas coa protección do medio ambiente teñen un lugar privilexiado nos ámbitos de traballo destes talentos precoces. Exemplos destas inquedanzas son unha novidosa instalación termo+fotovoltaica de alumnos do CPR Divino Maestro de Ourense; un novo motor eléctrico con maior rendemento desenvolvido por estudantes barceloneses; ou un panel solar con células orientadas ideado por rapaces lucenses.
A I+D relacionada coa beleza tamén é unha prioridade para os investigadores da ‘Galiciencia’. Alumnas do Colexio Alborada de Vigo (Pontevedra) e do CPI Virxe Saleta de San Cristovo de Cea (Ourense) estudan fórmulas de extracción de aceites esenciais de algas para elaborar cosméticos e a calidade dos perfumes.
As investigacións sobre a vida no Polo Norte, a linguaxe dos SMS, a fin do Universo, a verdade sobre os produtos que prometen grandes cantidades de vitaminas e probióticos e os efectos do tabaco demostran a diversidade de temas que rexen as inquedanzas dos máis novos nesta feira científica, na que non faltan os descubrimentos sorprendentes, como que as lentellas medran mellor con música de Beethoven, segundo os experimentos realizados por alumnas ourensás.
Éxito da ciencia divertida de Adolf Cortel
O divulgador Adolf Cortel está a repetir por terceiro ano consecutivo o seu éxito na ‘Galiciencia’ con novos experimentos didácticos de ciencia divertida. As súas espectaculares demostracións con potentes láseres sobre a enerxía transportada pola luz e como esta se absorbe, se transmite ou se reflicte, a análise da música e da voz mediante a visualización das ondas sonoras nun tubo de chamas ou os experimentos sorprendentes con xeradores de alta tensión capaces de cargar aos humanos foron seguidos con atención polos primeiros centos de rapaces chegados de centros escolares de toda Galicia durante a xornada de hoxe.
Os máis de dous mil estudantes que visitan a ‘Galiciencia’ entre hoxe e o venres asisten tamén ás sesións de astronomía no planetario instalado na Tecnópole e aos obradoiros sobre a evolución e as novas tecnoloxías, que se repetirán varias veces cada un dos tres días que vai durar o evento.
(Fotos de todos os proxectos en http://www.flickr.com/photos/tecnopole/sets/72157622873408416/)
Máis dun cento de estudantes de Galicia, Cataluña e Euskadi defenden os seus proxectos de I+D+I na ‘Galiciencia’
Un total de 104 estudantes procedentes de centros das catro provincias galegas, de Barcelona e de Guipúzcoa defenden os seus proxectos de I+D+i a partir de mañá na ‘Galiciencia’, a maior feira científica que se organiza en Galicia. O obxectivo: gañar o premio ao mellor proxecto nas tres categorías que se habilitaron por idades.
Unha novidosa instalación termo+fotovoltaica; fórmulas de extracción de aceites esenciais de algas para elaborar cosméticos; unha mochila ergonómica para evitar sobrecargas nas costas; un enxizador para tacos de billar ou un protector para xeados que evitan que nos manchemos; un modelo de roda para automóbil máis segura en mollado; e un equipo de microrrobots que xogan ao fútbol e bailan. Esta é só unha mostra dos inxeniosos traballos que estes investigadores precoces explicarán aos máis de dous mil visitantes que xa ten confirmados a ‘Galiciencia’ para estes tres próximos días.
Os alumnos, organizados en equipos nos que un dos seus profesores actúa como titor, explicarán desde os seus stands os proxectos de investigación, desenvolvemento e innovación a través de maquetas, prototipos e murais. En total, serán medio cento de proxectos os que protagonizan a cuarta edición da maior feira científica de Galicia, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia –Tecnópole- e patrocinada pola Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria.
A exposición, que terá lugar no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia no concello ourensán de San Cibrao das Viñas (Ourense) completarase con obradoiros e sesións didácticas. En total, trátase de 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 da Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúzkoa.
Un planetario, tres obradoiros e conferencias
En relación ao Ano da Astronomía, nas inmediacións da exposición de proxectos colocarase un planetario móbil dirixido aos máis pequenos. En conmemoración do Ano Darwin celebrarase en catro sesións diarias un obradoiro sobre a evolución, con Charles Darwin como protagonista.
Ademais, celebrarase un obradoiro baixo o título ‘O futuro é hoxe’, no que se achegarán aos visitantes os últimos avances da tecnoloxía que máis influirán na nosa vida cotiá nun futuro inmediato.
Por último, o divulgador Adolf Cortel impartirá un ciclo de sesións didácticas denominado ‘Cousas de todos os días como non as viches nunca’, nas que realizará experimentos de ciencia divertida ao redor de tres conceptos: a luz, o son e a carga eléctrica.
O CSIC en Galicia participa na Semana da Ciencia con actividades para o público xeral e escolar
- Persoal do Consello e do CESGA manteñen encontros con alumnos/as dende primaria ata bacharelato en centros de ensinanza das catro provincias galegas. A actividade, que leva por título “Exper-i-Ciencia”, vai camiño da súa cuarta edición e está organizada pola Delegación do CSIC en Galicia. Está financiada pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria (Xunta de Galicia). En total, faranse máis de 40 encontros e chegarase a máis de 2.500 alumnos/as.
- En Santiago o Laboratorio de Patrimonio do CSIC (Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento) celebra dende o 10 ata o 30 de novembro “Arqueocampo”, actividade na que os asistentes (público xeral e escolares) experimentan todas as fases do traballo arqueolóxico. Financiado pola FECYT. Máis información no enderezo electrónico martina.gonzalez@iegps.csic.es
- O sábado, 21 de novembro, ás 20.00 horas na sede da Fundación Barrié en Vigo presentarase o proxecto “Contos e Coplas de Estrelas”, inciativa da Delegación do CSIC en Galicia e da Universidade de Vigo co apoio da Radio Galega. O proxecto inclúe a traducción ao galego do libro “Cuentos de Estrellas” e un cd con coplas tradicionais galegas, así como o concerto de presentación do material. A actividade está financiada pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria (Xunta de Galicia).
- O Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (CSIC, Santiago) celebra estes días obradoiros sobre o solo e as plantas para máis de 70 nenos de primaria do CEIP Pío XII. O título da actividade é Biodiversión.
- A pasada semana (2-9 de novembro) Antonio de Ron, o profesor de investigación do CSIC, impartiu unha charla na Coruña sobre a evolución da investigación e científicos do CSIC no Instituto de Investigacións Mariñas realizaron “Obradoiros de ciencia mariña” no Mercado do Progreso para o público xeral. Os obradoiros estiveron organizados polo IIM (CSIC) e financiados pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
Máis información destas actividades na páxina web http://www.delegacion.galicia.csic.es
Exposición: “Illas de Cabo Verde: Primeira escala do Beagle e modelo de diversificación e irradiación de moluscos mariños”
A exposición consta dos seguinte módulos:
1- As Illas de Cabo Verde: “Laboratorios naturais” de evolución e diversificación
2- Expedicións científicas levadas a cabo desde o século XIX, nas que se fixeron estudos dos moluscos mariños deste arquipélago.
3- Aportación das expedicións e as investigacións realizadas por Emilio Rolán ao avance do coñecemento científico dos moluscos mariños de Cabo Verde.
4- Métodos e técnicas que se utilizan na actualidade para o estudo dos moluscos mariños.
5- Xogo didáctico interactivo sobre evolución e diversificación dun molusco mariño.
Organiza: Museo de Historia Natural, Universidade de Santiago de Compostela
Data: do 2 de novembro ao 13 de decembro de 2009
Lugar: Pazo de Fonseca
Rúa do Franco s/n
Santiago de Compostela
Horario: Luns a Venres: de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas.
Sábados: de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:30 horas
Domingos e festivos: de 11:00 a 14:00 horas
Visitas guiadas (previa cita) de luns a venres: de 10:00 a 14:00 e 16:00 a 20:00 h.
Reservas para visita guiadas de grupos:
Teléfonos: 981 593589; 981 563100 ext.: 14202
Enderezo electrónico: museohn@usc.es
‘Galiciencia’ alcanza por primeira vez os cincuenta proxectos de innovación defendidos por estudantes de Secundaria
A maior feira científica de Galicia, ‘Galiciencia’, celebra a súa cuarta edición alcanzando por primeira vez o medio cento de proxectos de innovación e traballos científicos defendidos por estudantes de Secundaria de toda Galicia e doutros puntos de España.
A exposición, que terá lugar no recinto do Parque Tecnolóxico de Galicia no concello ourensán de San Cibrao das Viñas (Ourense) entre o 25 e o 27 de novembro, organizase co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria. Nela combinarase a exposición de proxectos organizada con motivo da Semana da Ciencia con obradoiros e sesións didácticas.
A extracción de aceites esenciais de algas para fabricar cosméticos, o deseño dunha mochila ergonómica ou dun enxizador para tacos de billar e o desenvolvemento dunha ponte levadiza mediante electricidade son algúns dos traballos máis relacionados coa investigación aplicada e a innovación que presentarán os equipos procedentes de centros escolares nos seus stands. Ao carón destes serán expostos proxectos que analizan desde unha perspectiva científica fenómenos tan dispares coma a linguaxe utilizada nos SMS, a fin do Universo ou se a cor do cabelo determina a súa resistencia.
En total, trátase de 15 proxectos de escolares da provincia de Pontevedra, outros 15 de Ourense, 9 da Coruña, 4 de Lugo, 6 de Barcelona e 1 de Guipúzkoa.
Algúns dos proxectos ten a súa orixe no programa de dinamización do emprendemento xuvenil ‘TIC-TAC!: Talentos da Innovación e a Creatividade. Todos a competir!’, unha iniciativa na que Tecnópole colabora con Feuga con motivo do Ano Europeo da Innovación e a Creatividade.
Os proxectos expostos en Galiciencia serán sometidos á consideración dun xurado experto, que elixirá os mellores para recibir o seu premio durante o acto de peche da feira o venres 27. O proxecto gañador en 2008 consistía nun bioedificio, capaz de autoabastecerse a través das enerxías renovables. O segundo galardón recaeu nun sistema de obtención de enerxía eléctrica a partir do movemento dun ascensor.
Ano Darwin e da Astronomía
En paralelo á exposición desenvolveranse varias actividades, algunhas delas deseñadas no marco do Ano Internacional da Astronomía e o Ano Darwin.
En relación ao Ano da Astronomía, nas inmediacións da exposición de proxectos colocarase un planetario móbil no que se descubrirá aos máis pequenos, os estudantes de Primaria, os segredos que se esconden na nosa galaxia.
En conmemoración do Ano Darwin deseñouse un obradoiro sobre a evolución, co que se tratará de responder a varias preguntas: quen foi Charles Darwin, que descubriu e por que os seus postulados seguen influíndo de forma determinante na ciencia actual. As explicacións combinaranse con xogos e experimentos, o que permitirá unha aproximación diferente á figura deste científico.
Ademais, celebrarase un obradoiro baixo o título ‘O futuro é hoxe’, no que se achegarán aos visitantes os últimos avances da tecnoloxía que máis influirán na nosa vida cotiá nun futuro inmediato.
Por último, o divulgador Adolf Cortel impartirá un ciclo de sesións didácticas denominado ‘Cousas de todos os días como non as viches nunca’, nas que realizará experimentos de ciencia divertida ao redor de tres conceptos: a luz, o son e a carga eléctrica.
Benvidos
Benvidos á Semana da Ciencia en Galicia. A partir de hoxe todos os que organizamos actividades no marco da festa anual da ciencia e da tecnoloxía nas catro provincias contaremos aquí as actividades que temos previstas e os resultados das nosas iniciativas.
A Semana da Ciencia é un evento de carácter europeo que se celebra anualmente para achegar a ciencia e a tecnoloxía á sociedade e que desde hai unha década a Xunta promove e dinamiza en toda Galicia, co obxectivo de azuzar o pensamento, provocar a curiosidade e divertir a un público o máis amplo posible mentres asimilan coñecementos científicos.
Desde o 9 ao 22 de novembro de 2009 todo tipo de entidades públicas e privadas están chamadas a abrir as súas portas e organizar actividades coas que se pretende amosar aos cidadáns, dun xeito ameno e accesible, como a ciencia e a tecnoloxía están presentes nas súas vidas cotiás, desde os elementos máis simples aos máis sofisticados.
Feiras científicas, xornadas de portas abertas, exposicións, obradoiros, excursións, ciclos de cine, representacións de teatro, cafés científicos, conferencias, mesas redondas… Aquí contaremos cando, onde e como as entidades que organizamos actividades poñemos o noso gran de area para a divulgación da ciencia, da tecnoloxía, da investigación, do desenvolvemento ou da innovación.


